Reflexións de aninovo

Escrito por susurrosdeconciencia 02-01-2018 en Tempus fugit. Comentarios (0)

Cando se aproximan as datas de Nadal é frecuente realizar un resumo do ano. Unha listaxe do que se fixo e do que non. Do que se quixo facer e non se concretou.  Mais eu non podo evitar a sensación de depresión ao decatarme de como o tempo escorrega entre os dedos, como a area dun reloxo. Escribo isto nas calendas do 2018. 1 de Xaneiro, unha data dada á reflexión. Pois é hoxe cando se ve a velocidade do tempo, como este 2017 -un ano enteiro, unha unidade de tempo nada desdeñábel- voou, como o fixeron tantos anos nas nosas vidas. Nunca volveremos vivir este ano, xamais poderemos revivir o feito, non poderemos volver cumplir estes anos, non.


Ollando atrás, non podo evitar pensar que o meu paso polo 2017 foi, simplemente, unha perda de tempo. Quizais puiden facer realidade algún soño, pero a costa de non mirar os reloxos que me acercaban incesantemente á perda da xuventude, do vigor, e, finalmente, da vida. Teño a sensación de que mañá quizais vexa, ao mirarme ao espello, un licenciado universitario, un pai de familia e un día, un vello. e namentres, non serei capaz de aproveitar os anos.


Se tivese que seleccionar tres eventos este ano, non o pensaría dúas veces. Unha viaxe, unha boa nova e unha persoa. Destas, as dúas últimas son para toda a vida. A primeira durou catro días. Catro días son os destacábeis de 365. Foi coma un soño, un soño que nunca existiu, diría a canción. Foron catro días soñados, longos, disfrutados, efímeros. Agora, meses despois de volver á casa, só queda o recordo da bela cidade de Barcelona.


Nunca volverei facer esa viaxe. Podería repetir destino, podería repetir compañeiros, pero xamais será o mesmo. Nin 2017 volverá pasar. Nin a xuventude volverá, cando pase. E sinto non estar aproveitándoa. Sinto non saír moito, sinto que perdo o tempo, sinto mágoa de non poder estar con quen quero, sinto ser invisíbel para ela. Pero isto será outra publicación.